xoves, marzo 07, 2024

Outra cousa bonita do noso equipo artístico para o 8M

Este 8M temos moito que reivindicar e, por iso, o noso equipo artístico fixo un precioso photocall con ás, desas que ninguén ten que cortar ás nosas nenas nin aos nosos nenos. Tamén puxeron uns detalles nas escadas de subida ao cole, tanto pola zona de infantil como pola de primaria.





Ademais, a ANPA estará presente no programa especial que ten preparado Radio Fene coa participación de mulleres fenesas de todos os ámbitos, entre eles, o educativo.

A nova en Radiofusión

venres, febreiro 16, 2024

As cousas bonitas fanse desta maneira...

Así di a estrofa dunha das cancións que levamos este ano de comparsa e a verdade é que é moi certo. Nesta ocasión o tempo tamén nos acompañou e a tarde foi completa; desfilamos xenial, actuamos mellor aínda e pasámolo incrible. Milleiros de grazas ás familias por animarse a compatir con nós este momento, grazas tamén aos músicos que nos acompañaron e que fan máis grande esta comparsa e, sobre todo, grazas infinitas a eses pequenos e pequenas que o deron todo e que se portaron como verdadeiros artistas.

Xa estamos pensando que argallaremos para o ano que vén...

Deixámosvos por aquí tamén algunhas fotos dos centos delas que circulan por aí.















mércores, febreiro 07, 2024

Cancións gravadas e ensaios en marcha


Estes días gravamos as dúas cancións que levaremos este ano polas rúas de Fene coa comparsa Centieiras; son "A Tardenteira" e "Greasecenti", e soan moooi ben. Moitas grazas a todas as familias que vos animastes a vir gravar!. Onte comezamos tamén os ensaios da coreografía. Seguimos o xoves e despois xa non queda nada. Cantas ganas de "antroidaaarr"!!


venres, febreiro 02, 2024

Xa temos as nosas capas de Ecoheroes


Onte traballamos arreo para facer as capas verdes dos disfraces que levaremos os adultos na Comparsa no Mércores de Cinza. Moitas grazas a todas as persoas que puidestes vir e as que axudastes a todo. As que non, xa sabedes que temos os patróns cortados na ANPA. Collédeos canto antes poñéndovos en contacto con calquera de nós.

Mañá a cantar e gravar as cancións! Todo en marcha!

martes, xaneiro 30, 2024

De novo batemos a nosa propia marca con 104 persoas que imos de Comparsa!!


Moitísimas grazas de antemán a todas as persoas (peques, papás, mamás, tíos, tías, curmáns, amigos...) que vos animades a vir de comparsa coa ANPA Centieiras. Ímolo pasar en grande e ademais imos arrasar. É a primeira vez, que saibamos, que superamos a centena de participantes. Xa o ano pasado tivemos unha participación de record e eramos 87.

Os que estades no grupo da Comparsa xa tedes as cancións e as letras. Este ano chamámonos "ECOHEROES DE CENTIEIRAS" e imos ser a sensación das rúas no desfile de Fene. Só agardamos que o tempo acompañe un pouquiño máis ca nos últimos anos e, se non, pois a gozalo como se poida.

Mil grazas de novo e seguimos traballando.

xoves, xaneiro 18, 2024

Preparándonos para a Comparsa Centieiras 2024. Animádevos!!

Parece mentira pero xa chegou o momento. Preparamos un ano máis a Comparsa de Entroido de Centieiras. E xa van máis de 30 porque, como podedes ver no vídeo que vos deixamos por aquí, as xentes deste cole xa participaban no desfile de comparsas de Fene alá pola década dos 90...



Este ano o día é o 14 de febreiro (festivo local), e o prazo para apuntarnos xa comezou, así que imos ao lío. 

De que se trata?

É unha das actividades máis divertidas e interesantes das que a ANPA organiza durante o curso e coa que tentamos acadar varios obxectivos:
- Traballar en equipo con adultos/as e pequenos/as
- Coñecernos mellor 
- Dar a coñecer o noso colexio e as cousas tan bonitas que se fan nel
- Participar dunha das festas máis importantes do noso Concello
- Conseguir uns cartos que, unha vez sufragados os gastos da comparsa, repartimos entre os nenos e nenas que participan
- Pero ante todo e sobre todo... pasalo xenial!!

Precisamos un mínimo de 20 persoas maiores de 16 anos para participar como "comparsa de adultos de Fene", que é a categoría que pode acadar un premio maior. Polo tanto, animamos a todos os papás, mamás, profes, tíos, avoas, curmás, amigos, etc. a que veñan con nós de Comparsa.

Os disfraces para os pequenos serán os mesmos que usen para a festa do colexio, quizais con algunha adaptación, e para as persoas adultas argallaremos algo moi sinxelo. Xa temos preparadas cancións con música de Vicco e de Grease e, en breve, comezaremos a ensaiar os bailes.

Que supón para as familias?

O día do desfile, as persoas menores que queiran participar estarán a cargo da ANPA desde a hora na que sexamos convocados polo Concello (normalmente sobre as 17.30h) e ata que rematen todos os actos das comparsas (normalmente sobre as 20.30h). Ocupámonos tamén de darlles a merenda e auga. En canto aos ensaios, adoitamos facer dous ou tres na semana anterior (non é necesario acudir a todos) e un último o mesmo día do desfile sobre as 16h.

Que hai que facer para apuntarse?

Só tedes que enviar un whatsapp ao móbil da anpa (623009449) desde hoxe e ata o vindeiro día 26 de xaneiro. Ollo!! 👀👀👀 Tedes que especificar o seguinte:

- Para persoas adultas: nome e apelidos, DNI, data de nacemento e teléfono móbil de contacto

- Para menores: nome e apelidos, curso (se son alumnado de Centieiras) e data de nacemento

Faremos un grupo de whatsapp da Comparsa coas persoas que vos apuntedes. Aí enviaremos as cancións e iremos informando de todo o que se faga. 

Non volo perdades que, este ano, temos que facer historia!!


venres, decembro 22, 2023

Felices festas e vémonos no 2024!!







Papá Noel achegouse á festa de fin de ano de Centieiras e trouxo agasallos para todos e todas. Ao alumnado, unha botelliña reutilizable e uns aspitos e, para cada clase, unha sorpresa para sementar na primavera. Dende os nenos e nenas de 3 anos ata os veteranos de 6º de primaria pasaron a saudar ao señor de Laponia, uns con máis efusividade e outros con máis distancia... 




Foi unha xornada moi divertida, con campanadas de fin de ano incluídas, xogos en familia e mercadillo de Nadal para axudar á excursión de 6º.

Desde a ANPA queremos unha vez máis darvos as grazas a todas as familias asociadas porque, sen vós, nada disto sería posible e, como non, felicitar as festas a toda a comunidade de Centieiras.




mércores, decembro 13, 2023

Todo listo para o Nadal en Centieras

O equipo artístico da ANPA xa ten todo preparado para que o ambiente de Nadal entre de cheo no cole e para recibir ás visitas propias destas datas... Tamén está lista a árbore de Nadal feita cos cd's decorados que nos trouxeron os/as peques. Grazas por participar! Agardamos que vos guste ás familias e, sobre todo, aos nenos e nenas.





martes, decembro 12, 2023

Xa están listos os calendarios da ANPA para 2024

Pois un ano máis xa temos listos os calendarios da ANPA con fotos dos alumnos e alumnas, profes e outras cousas co cole. Para quen os queira, estararemos dispoñibles nos seguintes días, horas e lugares:

- Hoxe martes día 12, de 16 a 17h, no local da ANPA

- Mañá mércores día 13, de 9 a 10h no local da ANPA e de 13.30 a 14h na pista cuberta

- O martes día 19 de 9 a 10h no local da ANPA, de 13.30h a 14h na pista cuberta e de 16 a 17h no local da ANPA

A doazón para adquirilos é de 3,50€.

Vémonos!

mércores, novembro 29, 2023

Precisamos que os nenos e nenas nos axuden a decorar cd's para a árbore de Nadal


Un ano máis precisamos a colaboración dos/as peques. Este ano, seguindo a temática do PDI do centro, imos reutilizar eses vellos cd's que xa non usamos ou que xa non funcionan para decorar a árbore de Nadal máis chula de toda a volta. Hoxe levarán para a casa cadanseu cd que lle van entregar as profes. Gustaríanos que durante estes días o decoraran como quixeran (pintándoo, pegando afeites, adornos, ou como se lles ocorra) e nolo fixeran chegar o próximo luns, día 4 de decembro.

MOI IMPORTANTE: Hai que decoralo polo lado no que ten o vinilo identificativo ou as letras, non polo lado máis brillante, o da lectura óptica!!

Axudádesnos??